Sunday 19 de May de 2024

Feijóo subliña que en 2020 oito de cada dez galegos terán acceso a gas natural


Máis de sesenta polígonos industriais contarán con acceso a este combustible

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que en 2020 oito de cada dez galegos, un 82% da poboación, terán acceso a gas natural grazas ao Plan de Gasificación de Galicia 2015-2020 que hoxe coñeceu o Consello da Xunta. Este plan contempla tamén que, dentro de cinco anos, haxa xa máis de 60 polígonos industriais galegos que conten con acceso a este combustible.

“Este plan permite avanzar no compromiso de dotar a nosa comunidade dunha rede de gas moderna e suficiente”, subliñou Feijóo, que resaltou que permitirá avanzar na diversificación enerxética, dinamizar a economía e contribuír ao reequilibrio territorial da nosa comunidade. No Plan de Gasificación investiranse case 195 millóns de euros e xerará “arredor de 900 postos de traballo”, segundo indicou o presidente.

Esta iniciativa será desenvolvida por Gas Natural Galicia, que incorporará 44 novos concellos á rede, ampliará a rede nos municipios que xa contaban con ela e garantirá o mantemento das infraestruturas dispoñibles. Únense á rede de gas, que contará cun total de 113 municipios adheridos, seis concellos pontevedreses (A Estrada, A Guarda, Cuntis, O Grove, Silleda e Tomiño), 19 coruñeses (Arzúa, Bergondo, Boiro, Cabanas, Camariñas, Carballo, Cariño, Cedeira, Melide, Muros, Noia, Ordes, Ortigueira, Pontedeume, Porto do Son, Rianxo, Sada, Valdoviño e Vimianzo), seis ourensáns (Allariz, Celanova, O Barco de Valdeorras, Ribadavia, A Rúa e Verín) e 13 lucenses (Burela, Chantada, A Fonsagrada, Foz, Guitiriz, Meira, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Monterroso, Quiroga, Ribadeo, Sarria e Xove).

Gasificación dos polígonos
A gasificación de 20 novos polígonos industriais, que se suman aos 43 que xa o estaban, permitirá ademais que a rede supere os 4.000 quilómetros de extensión e que creza máis dun 50% o número de puntos de subministro, ata chegar aos 370.000.

Cómpre salientar, segundo dixo Feijóo, que se preve que o proceso de gasificación en Galicia, entre os anos 1998 e 2020, acade “un aforro conxunto acumulado na factura enerxética de máis de 5.400 millóns de euros” e tamén que evite “a emisión de preto de 14 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera”.

Por último, o Plan de Gasificación tentará impulsar un cambio no modelo de transporte, de acordo coas políticas que promove a Unión Europea. Apóstase así polo uso do Gas Natural Comprimido nas flotas de autobuses urbanos e camións do lixo das sete grandes cidades, para o que Gas Natural Galicia instalará, de forma inmediata, puntos de distribución. Isto súmase ao impulso que Galicia lle está a dar ao Gas Natural Licuado como combustible no transporte marítimo, a través do desenvolvemento do hub do porto de Ferrol. “Aspiramos a converter a Comunidade no centro de referencia de distribución enerxética do noroeste peninsular, facilitando aos buques un novo tratamento enerxético que substitúa ao gasóleo tradicional”, concluíu Feijóo.